martes, 17 de marzo de 2020

Historia: Tema 6 Al-Andalus (Comezo 3º Trimestre)

Comezamos o 3º trimestre, corresponde a Historia de España (3 unidades)
Dende o Al-Andalus ata a Idade Moderna.
Temporalización: 2ª quincena de marzo ata xuño
O guión é o seguinte:
Tema 6 Al-Andalus
1.-De romanos a visigodos.
2.-Al-Andalus: da invasión aos reinos de taifas.
3.-Unha cidade musulmán.
4.-Que nos legou Al-Andalus?. 
5.-Patrimonio: A mesquita e o palacio.

1. De romanos a visigodos
Ao longo do século V, a parte occidental do Imperio romano foi ocupada por pobos xermánicos e, no ano 476, foi destituído o derradeiro emperador. A caída do Imperio romano considérase a orixe da Idade Media.
A partir do século VI, nas terras que ocupara o Imperio romano formáronse tres grandes civilizacións:
– Bizancio, no Imperio romano de Oriente.
– A Europa feudal e cristiá, na zona occidental.
– Os musulmáns, en Oriente Próximo e no Norte de África.
En Hispania, os visigodos conquistaron case toda a Península e intentaron crear unha monarquía forte: adoptaron o catolicismo como relixión e promulgaron unha lei única para todos.
Cos visigodos, a maioría de cidades romanas desapareceron e a poboación instalouse no campo vivindo da agricultura e da gandaría.

2. Al-Andalus: da invasión aos reinos de taifas 
A principios do século VIII, un exército musulmán invadiu a Península Ibérica e púxolle fin á monarquía visigoda. O territorio baixo dominio musulmán denominouse Al-Andalus.
As súas funcións son elaborar as leis, aprobar os orzamentos do Estado e controlar a actuación política do Goberno.
Al-Andalus pasou por diversas etapas:
– Provincia (emirato) dependente de Damasco (711-756).
Emirato independente do imperio islámico (756-929).
Califato de Córdoba, a época de maior esplendor comercial e cultural (929-1031).
Reinos de taifas, que supuxeron a fragmentación de Al-Andalus (1031-1238).

A cidade de Córdoba converteuse nun dos centros comerciais e culturais máis importantes do Mediterráneo. 
Cuns 100000 habitantes, Córdoba era a cidade máis poboada de Europa.
Nela creáronse escolas e bibliotecas que atraeron sabios de todo o mundo. Os califas construíron o palacio de Medina Azahara, nos arrabaldes. 
Al-Andalus era unha sociedade moi diversa. Nela convivían musulmáns, mozárabes e xudeus.


3. Vivo... Nunha cidade musulmá 
-Al-Andalus era unha sociedade moi urbana. As cidades convertéronse en centros de produción artesanal e de intercambios comerciais.
-As cidades estaban amuralladas e as casas distribuíanse de xeito irregular en rúas estreitas. Nos barrios existían numerosos talleres ou obradoiros de artesáns. A medina constituía o centro da cidade e albergaba o zoco (mercado).
-As cidades musulmás desenvolveron un importante comercio a longa distancia.

4.-Que nos legou Al-Andalus? 
Al-Andalus tivo un gran desenvolvemento económico, científico e cultural.
A maioría da poboación musulmá vivía no campo e dedicábase á agricultura. Introduciron novas técnicas de regadío (alxibes, aceas, noras) e novos cultivos (granada, melón, albaricoque, berenxena, alcachofa, espárrago).
Os intelectuais musulmáns transmitíronlle á Europa cristiá as riquezas da cultura e da ciencia árabe e oriental. En matemáticas introduciron a numeración arábiga. Tamén difundiron a fabricación de papel, o xogo do xadrez e o alcol.
Moitas das palabras das linguas galega e castelá proveñen do árabe (alcalde, aceite, oxalá...).

5.-Zoom Patrimonio... A mesquita e o palacio 
A arte hispanomusulmá constitúe un gran patrimonio artístico da humanidade. En arquitectura destacaron as mesquitas, os palacios e as alcazabas, entre outros.
A mesquita é o lugar de culto dos musulmáns. Todas as mesquitas constan de:
Patio de entrada. 
Sala de oracións. 
Minarete. 
As mesquitas adoitaban estar construídas de ladrillo e cachotaría (obra feita con pedras desiguais unidas con cal, area e auga) e decorada con mármores e mosaicos.

Os palacios e alcazabas eran construcións fortificadas que contiñan a residencia dos gobernantes, as salas da administración e xardíns para o lecer. A decoración exterior era moi sinxella. A decoración interior tiña formas xeométricas, adornos vexetais, florais e caligráficos con escritos do Corán. Nunca figuras humanas, pois o islam prohibe a súa representación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario